A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este venres o encontro anual da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, unha rede colaborativa que conecta en Galicia o eido académico e universitario para desenvolver iniciativas sociais, colectivos e proxectos de sostibilidade e xustiza no medio rural.
A cita levou por título Escoitando comunidades que se coidan: VII encontro arredor do rural e estivo organizada por dúas entidades promotoras da citada rede, o Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (Gets-it) da Universidade de Vigo e o GI-Esculca, da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais contaron co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria da Universidade de Vigo. A coordinación recaeu por parte da UVigo en Iria Vázquez e por parte da USC en Cristina Varela e David García.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este mes de outubro a exposición Xénero e Migracións Caboverdianas. Desde a perspectiva da transformación social a través da arte, a mostra abre ao público os álbums familiares de mulleres migrantes para pór en valor as súas narrativas sobre a súa experiencia migratoria e, entre outros elementos, amosar como foron evolucionando os patróns de coidados a través das diferentes xeracións.
A exposición está situada no primeiro piso do Edificio de Ferro e pode visitarse de balde ata o día 1 de novembro. Está comisariada polas investigadoras Iria Vázquez Silva e Alicia González Barreiro, do Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (Gets-it) da Universidade de Vigo. A iniciativa presenta os resultados dun traballo de investigación e creación artística financiado no seu inicio polo Instituto das Mulleres e elaborado polo colectivo investigador Mulleres á Fronte, colectivo formado por investigadoras das tres universidades públicas galegas e do que forma parte Iria Vázquez. A mostra que agora se pode ver no campus de Ourense conta ademais coa financiamento da Vicerreitoría de Investigación da Universidade de Vigo.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para a terceira edición das Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que este xoves se celebraron no campus de Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia de arredor de 90 profesionais e alumnado das tres universidades públicas galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias para debater e avanzar sobre o papel da educación nos procesos de reinserción.
A Rede Galega de Educación en Prisión (Regaep) é unha rede constituída en 2021 que agrupa a entidades sociais e académicas que traballan no ámbito socioeducativo con persoas privadas de liberdade nos cinco centros penintenciarios e nos dous centros de inserción social de Galicia. As súas xornadas, nas que colaboran diferentes entidades relacionadas co sector (algunhas delas tamén membros da propia rede) e as tres universidades públicas galegas, constitúen un punto de encontro periódico no que diferentes actores poden expor as súas experiencias, traballos e coñecementos, dialogar entre eles e contribuír ao avance neste eido.
O Ministerio de Sanidade entregou este xoves en Madrid ao profesor da Universidade de Vigo Manuel Isorna a Cruz Branca da Orde ao Mérito do Plan Nacional sobre Drogas. O galardón supón, tal e como indica o homenaxeado, un respaldo explícito á súa dilatada traxectoria de investigación científica orientada á transferencia social neste eido.
As condecoracións da Orde ao Mérito do Plan Nacional sobre Drogas, reguladas por Real Decreto, son outorgadas anualmente pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas co fin de recoñecer publicamente o labor de persoas e institucións que destacaron polo seu esforzo, dedicación e achegas extraordinarias na prevención, o tratamento, a rehabilitación e o control das adiccións. Con este distintivo, o estado visibiliza aquelas traxectorias que, desde a investigación, a práctica clínica, o traballo comunitario ou o labor policial e xudicial, contribúen de maneira decisiva a protexer a saúde pública e o benestar social fronte aos riscos do consumo de substancias e as adiccións comportamentais.
- O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil abordará o potencial dos contos para 'esconxurar' medos
- Profesorado universitario xubilado dará mentoría investigadora a profesionais da educación social
- Dous proxectos de Educación e Traballo Social analizan os libros e prácticas lectoras na etapa de Infantil
- O Xurés será en setembro punto de encontro internacional da educación social