Co obxectivo de achegar ao alumnado de Educación Social recursos que poden empregar para construír unha contorna máis accesible e fomentar neles a reflexión crítica sobre a exclusión social, a reinserción e a diversidade, o grupo de innovación docente Innova-Transdisciplinar está a desenvolver o proxecto de aprendizaxe-servizo Educa na diversidade, transforma a sociedade. Nel, entre outras accións, o estudantado realizou un conto inclusivo e unha xornada participativa nun centro penitenciario.
O proxecto está dirixido pola profesora María José Vázquez, dentro da materia Discapacidade e Educación Social, do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. As actividades ofreceron unha oportunidade para aplicar de maneira práctica os coñecementos teóricos traballados nas aulas, especialmente aqueles relacionados co desenvolvemento emocional, a inclusión social, a atención á diversidade e a comunicación. Ademais, permitiu ao alumnado adquirir experiencia no deseño de materiais educativos accesibles e significativos para diferentes colectivos.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este luns a celebración de dúas xornadas destinadas a formar ao seu alumnado na atención de dous colectivos específicos. A primeira delas centrouse no acompañamento socioeducativo e corresponsabilidade social con familias monomarentais e a segunda na protección das infancias e as adolescencias, a través dunha aproximación dende a psicoloxía básica.
No salón de graos Vicente Risco celebrouse a xornada Acompañamento socioeducativo e corresponsabilidade social con familias monomarentais. A actividade contou coa participación de Fagamos (Asociación de Familias Monomarentais de Galicia) e incluíu a posta a disposición da comunidade universitaria dun punto de asesoramento sobre corresponsabilidade que estivo situado na entrada da facultade. Na apertura da xornada, que contou co saúdo de Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, Deibe Fernández Simo, vicedecano do centro, destacou a necesidade de, con iniciativas coma esta, visibilizar as dificultades que afrontan as familias monomarentais, cuxo núcleo familiar está composto por un único proxenitor ou proxenitora e os fillos e fillas ao seu cargo.
Radio, impresión 3D, pantalla multitáctil, robótica, programación... Cada día máis os centros educativos contan con recursos tecnolóxicos que o profesorado debe saber manexar tanto desde o punto de vista técnico como pedagóxico. Co obxectivo de que o futuro profesorado que se forma nas súas aulas adquira estas competencias, este venres abriu as súas portas na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense un Polo Creativo, réplica dos existentes en colexios e institutos galegos e financiado pola Xunta de Galicia.
Estes polos, explican desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, son espazos educativos innovadores dotados de equipamento especializado, para fomentar as competencias STEM e as vocacións científico-matemáticas. O Polo Creativo presentado este venres está dirixido especificamente ao alumnado dos graos e mestrados que se imparten na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. A consellería dotouno de material destinado tanto a Educación Primaria como Educación Secundaria Obrigatoria, ao tempo que se encarga da formación do profesorado para sacarlle o máximo rendemento educativo ao material dispoñible. Pola súa parte, a UVigo encargouse de reformar o espazo físico onde se instala, situado no soto do Edificio de Ferro.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración do seminario O nexo socioxurídico da violencia económica: do traballo social aos tribunais, "un espazo para reflexionar sobre esta realidade desde unha perspectiva interdisciplinar, conectando a intervención social co ámbito xurídico". A actividade estivo organizada, co apoio do centro, polo Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia da UVigo (Gets-it) e coordinada polas profesoras Sabela Pérez e Yolanda García.
Segundo explican desde a súa organización, o seminario xorde dunha proposta formativa impulsada desde a Universidad de Extremadura no marco do proxecto Ecovio Educa, financiado pola Unión Europea e o Ministerio de Dereitos Sociais e que ten como finalidade sensibilizar e concienciar á mocidade sobre a violencia económica de xénero. Pola súa banda, a actividade celebrada en Ourense, comentan as súas responsables, “responde á necesidade de visibilizar unha das manifestacións máis invisibilizadas da violencia machista, que ten importantes repercusións sobre a autonomía económica, as condicións de vida e os procesos de recuperación das mulleres: a violencia económica”.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este venres o encontro anual da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, unha rede colaborativa que conecta en Galicia o eido académico e universitario para desenvolver iniciativas sociais, colectivos e proxectos de sostibilidade e xustiza no medio rural.
A cita levou por título Escoitando comunidades que se coidan: VII encontro arredor do rural e estivo organizada por dúas entidades promotoras da citada rede, o Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (Gets-it) da Universidade de Vigo e o GI-Esculca, da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais contaron co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria da Universidade de Vigo. A coordinación recaeu por parte da UVigo en Iria Vázquez e por parte da USC en Cristina Varela e David García.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este mes de outubro a exposición Xénero e Migracións Caboverdianas. Desde a perspectiva da transformación social a través da arte, a mostra abre ao público os álbums familiares de mulleres migrantes para pór en valor as súas narrativas sobre a súa experiencia migratoria e, entre outros elementos, amosar como foron evolucionando os patróns de coidados a través das diferentes xeracións.
A exposición está situada no primeiro piso do Edificio de Ferro e pode visitarse de balde ata o día 1 de novembro. Está comisariada polas investigadoras Iria Vázquez Silva e Alicia González Barreiro, do Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (Gets-it) da Universidade de Vigo. A iniciativa presenta os resultados dun traballo de investigación e creación artística financiado no seu inicio polo Instituto das Mulleres e elaborado polo colectivo investigador Mulleres á Fronte, colectivo formado por investigadoras das tres universidades públicas galegas e do que forma parte Iria Vázquez. A mostra que agora se pode ver no campus de Ourense conta ademais coa financiamento da Vicerreitoría de Investigación da Universidade de Vigo.