O pasado 28 de outubro lanzouse na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Pias, un programa piloto de inclusión académica de persoas procedentes do sistema de protección de menores da Xunta subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade. Este martes, a iniciativa celebrou a súa primeira actividade, unha xornada de transferencia centrada en afondar desde o ámbito académico e profesional nas boas prácticas da inclusión académica destes rapaces e rapazas, que só nun 3% dos casos conseguen realizar estudos posobrigatorios como os universitarios.
A actividade estivo organizada pola facultade co apoio da Unidade de Diversidade da UVigo; a Plataforma de Organizacións de Infancia Galicia, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e a Consellería de Política Social e Igualdade. Na súa apertura, Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense, destacou a importancia social da posta en marcha de Pias e avogou por abrir oportunidades para estes menores e “que non se perda o seu talento”. Do mesmo xeito, Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, subliñou como este programa, froito da alianza de diferentes institucións, nace da “responsabilidade social que temos e que asumimos como facultade”.



