Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. Este é o lema dunha nova edición Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que este mes de outubro acollerá a Facultade de Educación e Traballo Social. Ao longo de catro sesións, as e os escritores Paula Carballeira, Xosé Miranda, Ramón D. Veiga e Fina Casalderrey falarán no campus de Ourense da literatura como ferramenta para, desde o humor, axudar a nenas e nenos a afrontar os medos, as inseguridades e as incertezas da vida.
A actividade está organiza polas profesoras do centro Isabel Mociño, Carla Míguez, María Cerdeira e María Vázquez. Conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e do Campus Auga (proxecto de especialización financiado pola Xunta de Galicia); da Facultade de Educación e Traballo Social e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, colaborando esta última ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O ciclo mantén o seu obxectivo inicial de ofrecer unha actividade formativa que complemente o currículo formativo das futuras mestras e mestres que se forman na Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, propiciando o seu contacto directo con creadoras e creadores en lingua galega. As sesións celebraranse cada xoves do mes de outubro, sempre ás 18.00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro. A inscrición é de balde e está en trámite o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. Aínda que especialmente pensada para o alumnado dos graos de Educación Infantil e de Educación Primaria que se imparten no campus, a iniciativa está tamén aberta a outros colectivos e públicos que poidan estar interesados, como poden ser mestras e metres en activo.