Enténdese como avaliación por compensación (AC) o mecanismo polo que se avalía no seu conxunto a traxectoria académica e o labor realizado polo estudantado ao final dos seus estudos para determinar se acadou os coñecementos e competencias suficientes para obter a titulación académica á que opta, compensando materias que non teña superadas ou os créditos sen cursar.
Requisitos para admitir a trámite as solicitudes
Poderá solicitarse a avaliación por compensación cando se cumpran os seguintes requisitos:
- Que cando menos o 50% dos créditos da titulación foran cursados na Universidade de Vigo.
- Que resten para graduarse un máximo de dúas materias que non superen entrambas os 12 créditos, agás o TFG.
- Que o/a estudante esgotara na(s) materia(s) na(s) que solicita a AC cando menos catro oportunidades de avaliación nos tres últimos cursos, e terse presentado nalgunha das oportunidades dispoñibles no curso académico en que se solicite (agás que xa non teña a posibilidade de presentarse por estar matriculado/a nun plan de estudos en proceso de extinción).
- Que a cualificación obtida non fora inferior a 2 ou non avaliado en ningunha das catro oportunidades.
Limitacións na resolución da avaliación por compensación
- Non serán obxecto de compensación o traballo de fin de grao, as prácticas e o prácticum, nin materias do curso de adaptación ao grao (curso ponte).
- O número máximo de créditos que se poderá conceder por avaliación por compensación na vida académica do estudantado será de 12.
- Non se lle poderá conceder a AC a unha/un estudante que non estea matriculado na(s) materia(s) a compensar no momento de solicitar a AC, agás que a(s) materia(s) estea(n) totalmente extinguida(s).
- As materias compensadas non poderán ser obxecto de recoñecemento noutras titulacións da Universidade de Vigo, nin entre graos que formen parte de programas académicos de simultaneidade de dobres titulacións con itinerario específico (PCEO). Neste caso soamente se poderá solicitar a AC en materias dunha titulación que non teñan recoñecemento na outra titulación que forma parte do plan conxunto.
- Non se lle poderá conceder a avaliación por compensación a un/unha estudante ao/á que lle conste algunha sanción grave no seu expediente académico.
Criterios de resolución da avaliación por compensación
Concederase de xeito automático o apto por compensación da(s) materia(s) solicitada(s) tras a constatación do cumprimento de todos os requisitos e das limitacións previas, e sempre que o/a estudante se encontre en polo menos un dos seguintes supostos:
- Que obtivese polo menos unha vez unha cualificación igual ou superior a 4 ou unha media superior a 3,5 entre as dúas mellores cualificacións na(s) materia(s) a compensar.
- Que a media do seu expediente sexa igual ou superior á nota media da súa titulación na última promoción con dereito a docencia.
No caso de que o/a solicitante non se encontre en ningún destes supostos pero reúna todos e cada un dos requisitos necesarios, a solicitude será admitida a trámite para que a valore a comisión de compensación.
A solicitude de avaliación por compensación irá dirixida, por medio dunha instancia da/o estudante, á dirección do centro. Esta poderá realizarse en cada periodo de avaliación dende a data de apertura de actas ata quince días hábiles despois do peche de entrega das mesmas.