A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para a terceira edición das Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que este xoves se celebraron no campus de Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia de arredor de 90 profesionais e alumnado das tres universidades públicas galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias para debater e avanzar sobre o papel da educación nos procesos de reinserción.
A Rede Galega de Educación en Prisión (Regaep) é unha rede constituída en 2021 que agrupa a entidades sociais e académicas que traballan no ámbito socioeducativo con persoas privadas de liberdade nos cinco centros penintenciarios e nos dous centros de inserción social de Galicia. As súas xornadas, nas que colaboran diferentes entidades relacionadas co sector (algunhas delas tamén membros da propia rede) e as tres universidades públicas galegas, constitúen un punto de encontro periódico no que diferentes actores poden expor as súas experiencias, traballos e coñecementos, dialogar entre eles e contribuír ao avance neste eido.