Desde este mércores e ata o 21 de maio, na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense pode verse a exposición Que fas ti polo medio ambiente? Nela, alumnado de segundo e terceiro curso do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social propón 35 decálogos para coidar o medio ambiente con pequenas accións diarias.
A exposición, que se celebra cada curso académico, foi inaugurada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor de campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e o profesor Ángel Manuel Vázquez Dorrío, responsable da iniciativa. Na súa intervención, o vicerreitor salientou o interese desta mostra xa que, explicou, “é importantísimo que o noso alumnado se involucre nas cuestións importantes da sociedade, como neste caso o medio ambiente”. Pola súa banda, a decana puxo en valor o traballo feito por alumnado e profesorado nunha proposta que, dixo, “permite visibilizar o que se fai dentro das nosas aulas e que teña impacto fóra delas, na comunidade educativa en xeral”.