Avanzar cara á consecución dos obxectivos establecidos no Programa de Desenvolvemento Estratéxico da Facultade de Educación e Traballo Social (PDE-FETS) require unha planificación ben establecida e unhas ferramentas de control que permitan avaliar en que medida a Facultade se aproxima ás metas establecidas.
Así mesmo, a complexidade e dificultade dos obxectivos establecidos require unha temporalización precisa dos retos e as accións que se van desenvolver ao longo destes catro anos. Para que este proceso chegue a bo porto é imprescindible ter en conta que as persoas implicadas na súa posta en marcha están necesariamente inmersas en multitude de tarefas académicas, de xestión e investigación, polo que a economía do proceso resulta de especial relevancia para conseguir a adherencia e motivación necesarias. É por iso que se seleccionaron, despois dun profundo debate, unicamente os obxectivos máis significativos e os indicadores de medida máis relevantes, sen renunciar á validez e f iabilidade do procedemento.
Partindo dos eixos estratéxicos e os obxectivos establecidos pola Universidade de Vigo e aliñados cos mesmos, expóñense a continuación as liñas estratéxicas da Facultade de Educación e Traballo Social, os obxectivos que guiarán o noso percorrido en cada un dos cursos que abrangue o PDE, así como os indicadores e medidas que servirán de ferramentas para verificar os progresos realizados. O PDE que se presenta comprende un período de 4 anos naturais (2023-2026); non obstante, para a concreción dos indicadores e medidas asociados a cada liña estratéxica, teranse en conta datos anuais, así como datos cuxa referencia teña en conta o curso académico. Como garantía para o desenvolvemento da política de calidade establecida no noso centro e para formalizar o seu compromiso coa excelencia e a mellora, a Xunta de Facultade do 8 de marzo de 2023 acorda establecer os seguintes obxectivos e metas de calidade.