A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este mes de outubro a exposición Xénero e Migracións Caboverdianas. Desde a perspectiva da transformación social a través da arte, a mostra abre ao público os álbums familiares de mulleres migrantes para pór en valor as súas narrativas sobre a súa experiencia migratoria e, entre outros elementos, amosar como foron evolucionando os patróns de coidados a través das diferentes xeracións.
A exposición está situada no primeiro piso do Edificio de Ferro e pode visitarse de balde ata o día 1 de novembro. Está comisariada polas investigadoras Iria Vázquez Silva e Alicia González Barreiro, do Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (Gets-it) da Universidade de Vigo. A iniciativa presenta os resultados dun traballo de investigación e creación artística financiado no seu inicio polo Instituto das Mulleres e elaborado polo colectivo investigador Mulleres á Fronte, colectivo formado por investigadoras das tres universidades públicas galegas e do que forma parte Iria Vázquez. A mostra que agora se pode ver no campus de Ourense conta ademais coa financiamento da Vicerreitoría de Investigación da Universidade de Vigo.