A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a celebración duns obradoiros que tiveron como obxectivo fomentar na rapazada a lectura a través do cómic e o seu gusto lector mediante actividades lúdicas e participativas, ao mesmo tempo que se lle achegaba á lingua e á cultura francófonas a través dalgúns dos seus referentes máis coñecidos.
A actividade estivo organizada con motivo do Día Internacional do Libro e do centenario do nacemento de René Goscinny polas docentes das materias de francés dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria Carla Míguez e Sara Vázquez. Levaron por título Os 100 anos de René Goscinny: descubre a banda deseñada en lingua francesa e estiveron dedicados á banda deseñada e á figura deste coñecido guionista, creador de series tan populares como Astérix e Lucky Luke.
Desde este mércores e ata o 21 de maio, na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense pode verse a exposición Que fas ti polo medio ambiente? Nela, alumnado de segundo e terceiro curso do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social propón 35 decálogos para coidar o medio ambiente con pequenas accións diarias.
A exposición, que se celebra cada curso académico, foi inaugurada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor de campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e o profesor Ángel Manuel Vázquez Dorrío, responsable da iniciativa. Na súa intervención, o vicerreitor salientou o interese desta mostra xa que, explicou, “é importantísimo que o noso alumnado se involucre nas cuestións importantes da sociedade, como neste caso o medio ambiente”. Pola súa banda, a decana puxo en valor o traballo feito por alumnado e profesorado nunha proposta que, dixo, “permite visibilizar o que se fai dentro das nosas aulas e que teña impacto fóra delas, na comunidade educativa en xeral”.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este venres a presentación do libro Aprendizaxe cooperativa na Universidade e en diferentes contextos. Voces dende a experiencia, editado polo Servizo de Publicacións da UVigo e elaborado polo profesorado deste centro Almudena Alonso, Isabel Mociño, Breogán Rioboó e María Ainoa Zabalza.
Segundo explican as e os seus autores, “unha boa parte do profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, na Universidade de Vigo, leva un tempo transitando cara a metodoloxías alternativas, máis activas e participativas, na súa docencia universitaria”. Este camiño, apuntan, comezou co deseño e posta en práctica dun proxecto piloto de innovación docente que buscou primeiro formar o profesorado para despois poñer en práctica, nas respectivas aulas universitarias, a aprendizaxe cooperativa como fío vertebrador de todas as titulacións de grao presentes nesta facultade (Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social e Traballo Social).
Este venres celebrouse no campus de Ourense a clausura e entrega de diplomas do XIV Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas pola Enfermidade de Alzhéimer. A formación lévase a cabo cada curso académico na Facultade de Educación e Traballo Social froito da colaboración entre a Asociación de Alzhéimer de Ourense-Afaor, responsable da actividade, a Fundación Dorzán e a Universidade de Vigo.
A vintena de persoas inscritas, alumnado de diferentes cursos da citada facultade, adquiriron coñecementos sobre a enfermidade de alzhéimer e demencias similares, sobre os tratamentos farmacolóxicos, os recursos institucionais, o tratamento legal, o papel das familias nestas enfermidades ou a bioética, entre outros aspectos. Especialistas en cada unha das materias foron os encargados de impartir a docencia de 40 horas do curso, que logo se complementou coa realización de 20 horas de prácticas titorizadas por Afaor. Na clausura desta edición participaron Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; Secundino Vidal, vicepresidente da Fundación Dorzán, e Sara Ruíz, vicepresidenta de Afaor. Elas e el destacaron a relevancia desta formación e a excelente acollida que ten en cada edición a pesar da súa xa dilatada traxectoria.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este xoves a presentación do número 93 da Revista Galega de Educación, editada por Nova Escola Galega e que leva por título A radio escolar, e do libro Filgueira Valverde, profesor humanista innovador e director dun instituto modelo (Pontevedra, 1939-1976).
O novo número da revista consiste nun monográfico coordinado por Sergio Pascual e Lucía Abarrategui e que conta con 15 colaboracións que exploran a radio escolar dende perspectivas teóricas e prácticas, dedicando especial atención a iniciativas como Ponte... nas Ondas! Na presentación celebrada esta mañá, moderada pola profesora do centro Ana Mª Iglesias, participaron Raquel Rey (Nova Escola Galega/ Ponte... nas Ondas!/UVigo); Santiago Veloso (Ponte... nas Ondas!); Sergio Pascual (coordinador do número) e Antón Costa e Xosé Manuel Cid (ambos do consello editorial da revista). No acto, Santiago Veloso tamén entregou a Xosé Manuel Cid un recoñecemento polo seu compriso de tres décadas co proxecto Ponte...nas Ondas!
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da xornada A violencia de xénero e a saúde mental, organizada co gallo do Día Mundial do Traballo Social. Nela abordouse a temática e a problemática elixida "dende dispositivos públicos, privados e do terceiro sector” co obxectivo de contribuír a “construír un mundo máis en equilibrio e harmonía". A actividade estivo organizada polas profesoras Katia Rolán e Raquel Vázquez, do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa (AIPSE) da Universidade de Vigo, e financiada pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade.
Á cita asistiron un centenar de persoas, tanto alumnado e profesorado universitario como profesionais. Foi inaugurada por Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; Carmen Verde, coordinadora Grupo GETS-IT; Mª José Vázquez, coordinadora Grupo de Innovación Docente Innova; Estela Villalda, do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, e as coordinadoras da actividade. Nas súas intervencións, destacaron que o lema desta edición do Día Mundial do Traballo Social é ‘Construír esperanza e harmonía. Un clamor Harambee para unir a unha sociedade dividida’. En concordancia con este lema, na apertura subliñaron a importancia de que “todas e todos xuntos traballemos para afrontar os grandes desafíos da sociedade actual” e que desde o traballo social se ofreza á sociedade, unha sociedade que cada vez afronta “unhas problemáticas máis complexas”, unha resposta coordinada desde as entidades públicas, privadas e do terceiro sector. Igualmente púxose en valor o compromiso da Facultade de Educación e Traballo Social ourensá coa “formación e a transformación social”.